Archivo del sitio

O EQUIPO DOS RÓTULOS AGASALLADO

O profesorado da Biblioteca e Xela quixemos premiar o traballo do equipo de rapazas e rapaces de 1º ESO que duurante todo o curso, capitanead@s por David, dedicaron moitos dos seus tempos do recreo a serigrafiar as plaquiñas de madeira cos rótulos identificativos de todas as especies arbóreas que nos faltaban e de todas as especies arbustivas do espazo verde do noso instituto.

Aínda falta colocar a maioría delas no seu sitio, pero xa as temos todas feitas. Así que no vindeiro curso organizaremos unha pequena festa para inaugurar a instalación ao completo de todas.

Noraboa e moitas grazas a tod@s e a Xela e a José Manuel Longo tamén.

RADIO MALVEIRAS en Bibliomalveiras con TIRA DA PÁXINA

Para pechar por todo o alto (con broche de ouro non, pero con broche doce de tarta  de cumpreanos si) a súa primeira andaina no seu primeiro ano, o fabuloso equipo de Radio Malveiras coa súa profe Susana Suárez gravaron o seu derradeiro podcast deste curso escolar en Bibliomalveiras.

Na súa escaleta gardaron un espazo moi destacado para Xela Cid, a profesora de ciencias (que tanto imos botar de menos porque se xubila), e ao club de lectura TIRA DA PÁXINA e mais á súa coordinadora Pilar Conde.

A mesa de traballo estaba presidida pola fermosa tarta de cumpreanos encargada para ocasión tan especial coa súa veliña e todo. Ao rematar o programa, prendérona e sopraron como manda a cerimonia. Ben seguro que pediron o desexo de continuar unha nova xeira tan exitosa ou máis ca esta inicial tras o verán e que, oxalá, a consellería nos teña en conta na próxima convocatoria da radio na escola porque non so imos insistir en solicitalo outra vez, senón que desta volta xa podemos presentar un historial ben ben bo.

Noraboa a tod@s!!!

É un luxo e un pracer para a biblioteca e para o instituto contar con persoas tan valiosas como vós.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

30 ANOS DE EVOLUCIÓN DE RECURSOS DIDÁCTICOS NO ENSINO DO MEDIO

Esta idea xorde no Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e foi ben acollida pola equipa de Bibliomalveiras.

A razón fundamental está na xubilación da profesora Xela Cid ao remate deste curso, por unha banda, e pola outra, a marcha recente do profesor Manuel Chouza, ambos do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Ambos docentes desenvolveron a maior parte da súa vida profesional no ensino público e máis concretamente no IES do Carril.

Moitas persoas formaron parte deste Departamento do noso centro no decurso destes case 35 anos. A partir de agora, á espera de novas incorporacións, permanecen Paquita Barreira que xa leva aquí tamén ben de anos e Pili Capeáns, que aínda que un pouco máis tarde, chegou para quedar. A primeira goza da Bioloxía no campo, e Pili é unha gran profesora de aula e laboratorio. Ambas compleméntanse moi ben.

Ao longo do tempo foise conformando un xeito de funcionamento que identificaba a este Departamento e, sobre todo, dedicando esforzos continuados a xuntar moitos materiais didácticos, traballos do alumnado e recompilando todo canto tivera interese relacionado non só cos contidos propios da Bioloxía e Xeoloxía, senón tamén co Instituto en xeral.

E así, iniciouse este derradeiro curso escolar de Xela Cid e con el apareceu a oportunidade de organizar unha exposición centrada na Evolución dos materiais acumulados, tanto pedagóxicos como científicos, e contrastar un pouco o pasado e máis o presente dos mesmos.

En plena voráxine das Tecnoloxías quixemos reflexionar sobre aspectos e valores dos materiais empregados no ensino nas últimas tres décadas e contemplar a nova situación.

Remexer nos materiais antigos que foran empregados e algúns deles tamén elaborados polo alumnado, levounos á necesidade de por en valor o LIBRO en soporte de papel nesta era tecnolóxica, e a reivindicar a LECTURA como exercicio intelectual e de desenvolvemento persoal.

Ademais queremos resaltar o valor do traballo diario reflectido nun caderno de clase onde se rexistran exercicios, apuntamentos, debuxos, esquemas… o que contribúe a acadar unha escrita máis formal e de calidade. Lectura e escrita, libro e caderno semellan ser máis necesarios ca nunca no actual contexto tecnolóxico.

Para Xela Cid e Manuel Chouza este de agora é o momento vital da despedida definitiva do ensino. Supón o peche dunha longa etapa na que quixeron ir máis aló do programado nos currículos respecto aos obxectivos. Para eles, a súa actividade profesional asentouse na convicción por apostar polas actividades fóra e dentro das aulas, procurando aproximarse e estimular ao alumnado a través de propostas de traballo máis lúdico. E, sobre todo, propuxéronse acometer un achegamento ao medio físico e natural máis próximo, a contorna, segundo a máxima de coñecer primeiro o que nos rodea: a vila, a comarca, Galicia. Pois despois de acadalo, xa se pode recorrer aos documentais da televisión ou da internet para levarnos polo mundo adiante.

Tamén pretendemos xerar unha conciencia persoal de responsabilidade co planeta,  a casa común de todos os seres vivos, comprendendo, informándonos e implicándonos na medida do posible xunto co alumnado nos problemas medioambientais xurdidos na Ría de Arousa e en Galicia, en xeral.

En definitiva, isto constituíu un obxectivo irrenunciable para nós, practicando un ensino do medio natural en galego, para o alumnado de Galicia e tomando como referencia fundamental o noso propio medio.

E fixémolo dende un instituto situado nun marco único, entre o Xiabre e a Ría de Arousa, na desembocadura do Ulla e ao carón da Illa de Cortegada.

Ansiamos que esta exposición serva para recoller o mellor do pasado e afrontar o reto dos novos tempos: novo profesorado nun Departamento renovado; novas pedagoxías; novos materiais para un logro eterno, a saber, a boa formación científica e humana do alumnado coa esperanza de que todas e todos consigan ser bos profesionais e mellores persoas, que amen os libros, a lectura e a escrita e que saiban ver o planeta Terra como o que é: A CASA DE TOD@S.

a noticia do acto en La Voz de Galicia

no Faro de Vigo

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Lendo a Barbanza

Derradeira viaxe de Xela.

Xira pola peninsula do Barbanza con alumnado de 1º Bach e 3º ESO.
Unha excursión histórica feita moitas veces dende que o IES do Carril abríu as portas.
Castro Neixón, serra do Barbanza, mirador da Curota e a Curotiña, parque natural de Corrubedo. Dolmen de Axeitos, Castro de Baroña e o seu pequeno centro de interpretació no Porto do Son.

Finalmente un tempiño para padear pola medieval Noia.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.


Foi un luminoso día de Marzo cun alumnado excelente guiados por dúas vellas compañeiras que quixeron compartir a que é case con toda seguridade a derradeira viaxe oficial como profe de naturais de Xela.
Esther e Xela disfrutaron e se emocionaron.
Un día para a lembraza.

Acto de recepción do freixo e inauguración das novas placas identificadoras das árbores.

Tal e como estaba previsto, o martes 12 no segundo recreo, procedeuse a celebrar este acto tan entrañable para o que quixo actuar como mestra de ceremonias unha das profesoras que máis tempo leva traballando no instituto, Esther Dasilva.

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Tras o saúdo inicial, lembrounos que hai uns anos, poucos, o Equipo da Biblioteca e o departamento de Bioloxía e Xeoloxía, en colaboración con outros departamentos, decidiron recoller nun libro O Espazo Verde do IES Carril, que atoparedes en versión electrónica neste mesmo blog, todas as especies arbóreas e arbustivas que hai no Centro.

Contounos que cando se inaugurou o instituto xa contaba co carballo, que aparece no escudo, e mais os chopos -situados ao lado da cancha de baloncesto-… E que posteriormente se plantaron os castiñeiros,  situados ao lado da  pista deportiva onde se xoga ao fútbol,  traídos do seu eido do Carballiño polo profesor, xa xubilado, Luis Álvarez que ven sendo o pai do profe de mates Ulpiano.

A todo iso dixo que compría engadir o carballo que plantou Chouza coa colaboración de Artiaga e mais o arce doado por Teresa, cando se xubilaron respectivamente nos últimos anos.

E agora temos unha árbore máis, o freixo doado por Xela, que, como sabedes, tamén  está a piques de xubilarse. Este é o seu derradeiro ano na docencia.

Neste acto tamén se procedeu á inauguración de novas placas identificativas das árbores.

A continuación, tomou a palabra a nosa directora, Rosa Gómez, que recibeu oficialmente o freixo en nome de toda a comunidade educativa e salientou o esforzo de quen se encarga ao longo de moitos recreos na bibliotecas de confeccionar as placas identificadoras das árbores.

Logo foron lidos tres pezas literarias a cargo dunha profesora do equipo da biblioteca e das dúas profesoras compañeiras de departamento de Xela:

  • Pilar Conde: “Metáfora da ambiçao” de Francisco Manuel Melo.
  • Pili Capeáns: “El fresno” de María Filgueira García.
  • Paquita Barreira: “O carro”, de Manuel María.

de seguido escoitamos a Partita n.º 2 de Bach titulada “Sarabande”, interpretada ao violín por Helena Rodríguez, alumna de 2º de Bacharelato.

 

Pechou o acto, como non, Xela Cid quen con sabias palabras fixo un repaso agarimoso a tantos esforzos colectivos de antes e de agora, explicou por que elixíu un freixo e confesounos que ao mesmo tempo que a súa árbore pequena vaise arraigando no noso centro afacéndose a vivir entre nós e con nós, ela está a prepararse para vivir unha nova etapa vital emprendendo un camiño en sentido inverso ao do freixiño.

E ben seguro que lles vai ir de marabilla a Xela e a árbore de Xela.

No vestíbulo da entrada principal do instituto, a mesma xela preparou este fermoso mural no que se recollen imaxes e textos que fan alusión á preparaciéon deste acto.

 

 

Recepción do freixo de Xela o 12 de marzo

O espazo verde do IES Carril (está colgada neste blog a súa versión electrónica)  foi editado neste centro no ano 2016 para reflectir un longo proceso que, desde o ano 1994, transformou o solar no que se edificaron as instalación do instituto nun fermoso, diverso e acolledor espazo verde. Nos últimos tres anos chegaron novas incorporacións que non están recollidas, claro está, no noso libro: un carballiño, unha fotinia, un arce.

 

Desta volta tocounos un freixo que regala Xela Cid no seu derradeiro curso antes de se xubilar. E como había que plantalo en tempo, plantouse xa na primeira semana de febreiro. Vaia, que o plantaron entre Xela e mais un grupiño de 1º ESO capitaneados por Kevin e David, quen ademais se encargan con tesón de realizar os rótulos identificadores das árbores deseñados por Maica Fernández, e máis axudan ao profe Xosé Manuel Longo a colocalos despois no seu emprazamento correspondente.

 

Este vindeiro día 12 de marzo, no segundo recreo, celebrarase a recepción oficial do novo exemplar, se o tempo climatolóxico non se pon moi bravo, na parte traseira a onde dan as ventás dos despachos de dirección e máis as da aula de volume. Estades tod@s convidad@s.

bb9dd0bf-a211-478a-b942-4f9f8d976acf

Percorrendo o roteiro da novela RESISTENCIA de Rosa Aneiros

9788483029251

Unha parte importante do alumnado de 2º de Bacharelato e máis o grupo de maiores do club de lectura TIRA DA PÁXINA tiveron o pracer de percorrer un roteiro científico-literario centrado na fabulosa novela de Rosa Aneiros titulada Resistencia.

3f665c00-5cd5-437c-b7af-6cba1809eefc(1).JPG

Ao parecer, o sol de principios de febreiro non se podía aturar nin sendo tan divinas nin nada…

image1(1).png

O roteiro e máis a viaxe foron planeados polas profes Tareixa Escariz, Xela Cid e Pilar Conde.

 

 

 

Entre outros lugares visitaron a marabillosa Biblioteca Joaninha da Universidade de Coímbra; a fortaleza de Peniche, onde transcorre unha parte importante da trama narrativa; o Penedo de San Pedro de Moel, onde quixeron pescar un robalo como Dinis, pero o mar bravo non estaba polo labor; o Museo do Vidro, antes a fábrica de vidro dos irmáns Stephens…

 

O freixo no ESPAZO VERDE DO IES CARRIL

Pouco a pouco vai habendo novas incorporacións no ESPAZO VERDE DO IES CARRIL que non están recollidas, claro está, no noso libro co mesmo título.

Desta volta tocounos un freixo que regala Xela Cid. E como había que plantalo en tempo, plantouse. Vaia, que o plantaron entre Xela e mais un grupiño de 1º ESO capitaneados por Kevin e David, quen ademais se encargan con tesón de realizar os rótulos identificadores das árbores.

Pero o vindeiro día 12 de marzo celebrarase a recepción oficial do novo exemplar. Estades tod@s convidad@s.

Roteiro selectivo polo Espazo verde do IES Carril realizado por Xela Cid e Luciano Martínez

Martes, 27 na 4º e 5ª sesións: Roteiro selectivo polo Espazo verde do IES Carril realizado por Xela Cid (prof.) e Luciano Martínez (enxeñeiro agrónomo e pai de alumna). Alumnado implicado: 1º BAC A.

 

CARLOS PUGA FALOUNOS DOS COGOMELOS

Este mércores 7 de novembro visitounos Carlos Puga, un dos membros fundadores da asociación micolóxica A Cantarela. Foi convidado polas profesoras de Ciencias para que lles explicara un pouquiño do moitísimo que el sabe sobre os cogomelos ao alumnado do Bacharelato de Ciencias. Á verdade, non era esta a súa primeira visita ao centro.

 

E claro que si, a charla resultou moi productiva e interesante para todas as persoas asistentes.

Mágoa que, dadas as limitacións do aforo, non a poideran compartir máis persoas.