Archivo del sitio

30 ANOS DE EVOLUCIÓN DE RECURSOS DIDÁCTICOS NO ENSINO DO MEDIO

Esta idea xorde no Departamento de Bioloxía e Xeoloxía e foi ben acollida pola equipa de Bibliomalveiras.

A razón fundamental está na xubilación da profesora Xela Cid ao remate deste curso, por unha banda, e pola outra, a marcha recente do profesor Manuel Chouza, ambos do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

Ambos docentes desenvolveron a maior parte da súa vida profesional no ensino público e máis concretamente no IES do Carril.

Moitas persoas formaron parte deste Departamento do noso centro no decurso destes case 35 anos. A partir de agora, á espera de novas incorporacións, permanecen Paquita Barreira que xa leva aquí tamén ben de anos e Pili Capeáns, que aínda que un pouco máis tarde, chegou para quedar. A primeira goza da Bioloxía no campo, e Pili é unha gran profesora de aula e laboratorio. Ambas compleméntanse moi ben.

Ao longo do tempo foise conformando un xeito de funcionamento que identificaba a este Departamento e, sobre todo, dedicando esforzos continuados a xuntar moitos materiais didácticos, traballos do alumnado e recompilando todo canto tivera interese relacionado non só cos contidos propios da Bioloxía e Xeoloxía, senón tamén co Instituto en xeral.

E así, iniciouse este derradeiro curso escolar de Xela Cid e con el apareceu a oportunidade de organizar unha exposición centrada na Evolución dos materiais acumulados, tanto pedagóxicos como científicos, e contrastar un pouco o pasado e máis o presente dos mesmos.

En plena voráxine das Tecnoloxías quixemos reflexionar sobre aspectos e valores dos materiais empregados no ensino nas últimas tres décadas e contemplar a nova situación.

Remexer nos materiais antigos que foran empregados e algúns deles tamén elaborados polo alumnado, levounos á necesidade de por en valor o LIBRO en soporte de papel nesta era tecnolóxica, e a reivindicar a LECTURA como exercicio intelectual e de desenvolvemento persoal.

Ademais queremos resaltar o valor do traballo diario reflectido nun caderno de clase onde se rexistran exercicios, apuntamentos, debuxos, esquemas… o que contribúe a acadar unha escrita máis formal e de calidade. Lectura e escrita, libro e caderno semellan ser máis necesarios ca nunca no actual contexto tecnolóxico.

Para Xela Cid e Manuel Chouza este de agora é o momento vital da despedida definitiva do ensino. Supón o peche dunha longa etapa na que quixeron ir máis aló do programado nos currículos respecto aos obxectivos. Para eles, a súa actividade profesional asentouse na convicción por apostar polas actividades fóra e dentro das aulas, procurando aproximarse e estimular ao alumnado a través de propostas de traballo máis lúdico. E, sobre todo, propuxéronse acometer un achegamento ao medio físico e natural máis próximo, a contorna, segundo a máxima de coñecer primeiro o que nos rodea: a vila, a comarca, Galicia. Pois despois de acadalo, xa se pode recorrer aos documentais da televisión ou da internet para levarnos polo mundo adiante.

Tamén pretendemos xerar unha conciencia persoal de responsabilidade co planeta,  a casa común de todos os seres vivos, comprendendo, informándonos e implicándonos na medida do posible xunto co alumnado nos problemas medioambientais xurdidos na Ría de Arousa e en Galicia, en xeral.

En definitiva, isto constituíu un obxectivo irrenunciable para nós, practicando un ensino do medio natural en galego, para o alumnado de Galicia e tomando como referencia fundamental o noso propio medio.

E fixémolo dende un instituto situado nun marco único, entre o Xiabre e a Ría de Arousa, na desembocadura do Ulla e ao carón da Illa de Cortegada.

Ansiamos que esta exposición serva para recoller o mellor do pasado e afrontar o reto dos novos tempos: novo profesorado nun Departamento renovado; novas pedagoxías; novos materiais para un logro eterno, a saber, a boa formación científica e humana do alumnado coa esperanza de que todas e todos consigan ser bos profesionais e mellores persoas, que amen os libros, a lectura e a escrita e que saiban ver o planeta Terra como o que é: A CASA DE TOD@S.

a noticia do acto en La Voz de Galicia

no Faro de Vigo

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios

Inauguramos a semana das ciencias dedicada a Marie Curie

Coincidindo co 150º aniversario do nacemento de Marie Curie (1867-1934) que se cumpría este martes, 7 de novembro, o equipo da biblioteca do IES “Miguel Ángel González Estévez” coordina unha semana da ciencia dedicada a honrar a figura de MARIA SKLODOWSKA, máis coñecida como MARIE CURIE tras casar con Pierre e tomar o apelido del.

Como este instituto está situado no Carril, precisamente na rúa Marie Curie, e xa que novembro é o mes das ciencias, decidiuse planificar unha serie de actos ao modo dunha semana das ciencias arredor de tan ilustre científica. Ademais, esta muller de orixe polaca foi a primeira persoa que tivo a honra de recibir dous Premios Nobel diferentes (un de Física e outro de Química), e unha chea doutros galardóns e recoñecementos.

Con tal motivo, estanse a desenvolver unha ducia de actividades enmarcadas entre o martes 7 e o martes 14, nas que colaboran varios departamentos; en especial, cómpre mencionar ao de Bioloxía e Xeoloxía, o de Física e Química, o de Artes, o de Matemáticas e todos os de linguas. De tal xeito,  combinaranse varias charlas; diferentes exposicións temáticas sobre a figura de Marie Curie, material de laboratorio, o impacto do radón na nosa contorna, as mulleres científicas e matemáticas; a proxeccións dunha película documental e convocatoria dun concurso no que participará todo o centro.

Para a ocasión, o alumnado de Bacharelato de artes coa súa profesora Águeda Lojo creou un magnífico cartel que luce na fachada da entrada principal do instituto desde as 12.45 h. da mañá de onte, cando quedou inaugurada pola directora do centro esta semana das ciencias.

De inmediato, se dou paso á interpretación dunha breve peza musical do Concerto nº 2 do compositor polaco Henryk Wieniawsky, a cargo da violinista Elena Rodríguez Oubiña, de 1º Bac. C.

 

E a continuación, realizouse unha lectura plurilingüe (en francés, galego, castelán, alemán, inglés, vasco, italiano e valenciano) dun texto extraído do diario epistolar de Marie Curie.

 

Na imaxe central do cartel, Ana Mª Dopico (alumna de 2º de Bacharelato de artes) quixo transmitir cunha imaxe impactante a trascendencia dos esforzos de Marie Curie no desenvolvemento da medicina, xa que co seu traballo contribueu de maneira decisiva no coidado e a prevención da saúde de toda a humanidade, aínda que definitivamente lle custara a súa propia, xa que morreu de leucemia.

IMG_20171107_180842_895.jpg

Tamén na tarde de onte, martes 7 de novembro, e dentro do horario escolar Manuel Chouza, profesor “emérito” do centro, acompañado pola profesora Xela Cid, protagonizou unha amena charla didáctica destinada a todo o alumnado de ciencias de Bacharelato e mais de 3º e 4º da ESO titulada Contra o ninguneo das mulleres científicas impúxose Marie Curie.

 

IMG_20171107_174927_498.jpg