Archivo del sitio
DESTAPA AS VIOLENCIAS
Con motivo da celebración das actividades conxuntas dos centros escolares contra as violencias machistas no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, que tivo lugar o día 24 de novembro, unha parte do alumnado de 2º de Bacharelato do IES O Carril realizou un vídeo creativo vencellado á materia de Lingua Galega e Literatura, co apoio da súa profesora.
Previamente, debatérase nas aulas sobre as violencias. E como culminación desta actividade, elaboráronse unhas redaccións. Catro delas foron seleccionadas para realizar o vídeo titulado AS VIOLENCIAS
Miquel Angel de la Torre, Andrea Fernández, Carla Rodríguez Rivas e Lara Piñeiro Acha son as persoas que se ocuparon da autoría e locución do texto. María Pereira foi a responsable da edición.
No Auditorio, este traballo foi presentado por varias alumnas de 1º de Bacharelato de Literatura Universal. Xa se sabe que en 2º de Bacharelato non cómpre faltar moito ás clases, claro.
Como ben se pode apreciar, o resultado é magnífico.
MIRADAS CADUCAS, de CLEOBULINA´S FILMS
As alumnas de Literatura Univdersal de 1º de Bacharelato crearon este fermoso vídeo para explicar a orixe dos mitos do amor romántico co obxecto de desmontalos, claro.
O traballo foi presentado no Auditorio Municipal, o 24 de novembro con motivo da celebración conxunta de todos os centros escolares de Vilagarcía de Arousa de actividades para contribuir desde a educación á eliminación das violencias machistas.
Agardemos que esta marabillosa produtora nos regale outros traballos.
Noraboa, rapazas!
SOMOS VACINA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS
Compartimos o vídeo elaborado polo Seminario de Igualdade do noso insti no que participaron grupos de todos os niveis da ESO, de Bacharelato e do Ciclo.
Gravaron as pezas dúas rapazas seguindo o patrón TIK TOK, por iso está a imaxe de xeito vertical. E por iso preferimos difundir este formato
Carapuchiña, de Bonäí Capote.
Para reflexionar a propósito das violencias machistas, no centro acordouse traballar este conto e desmontar o relato orixinal da Carapuchiña vermella.
O club de lectura TIRA DA PÁXINA tivo a ben facer esta achega gravando a lectura da peza.
Moitas gracias mozas!!!
25 DE NOVEMBRO: TOD@S /TODXS CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS
Na nosa bilioteca contamos con moitos recursos válidos para afrontar o 25 de novembro ben aprovisionad@s.
Como nos últimos anos, seguimos o fío do movemento EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS. Aí atopamos novas e propostas:
https://ennegrocontraasviolencias.gal/gl
E por moito toque lúdico que lle apliquemos a esta data, o relevante é non esquecer a longa lista das violencias machistas que podedes consultar aquí
Con todo, imos vos deixar unha tradución ao galego do magnífico conto creado por Bönaí Capote a partir do clásico Carapuchiña vermella, acompañado por unha ilustración de Grahan Franciose:
Carapuchiña
– Hoxe no cole a seño contounos un conto moi feo e moi parvo. Díxenllo pero non me fixo caso.
– Que conto ?
– Carapuchiña Vermella. Un dunha nena que vai vestida sempre coa mesma roupa que lle fixo a súa avoa e a nena é moi parva.
– Por que é parva?
– Porque se atopa co lobo e o lobo faise pasar por bo e engánaa e logo ela confúndeo coa súa avoa !!!! É parva!!! Eu aínda que ti te disfraces, aínda que estea todo escuro… nunca te confundiría con ninguén! E menos cun lobo ! É parva! Díxenllo despois a Helena e ela di que igual era cega…
– Seguro que era iso.
– Nooonnn!!! Lucía é cega e ela nunca nos confunde!!!! E ademais aos lobos non lles cabe na barriga unha nena e unha avoa!!! E non comen persoas con roupa!!! É UN CONTO PARVO!
Marchou ao seu cuarto enfurruñada e deixoume pensando. Era moi pequena aínda e eu non sabía como explicarlle que Carapuchiña é un conto que se contaba para advertir ás nenas do perigo de falar con descoñecidos, para advertir dos perigos que poderían padecer as mozas ás que lles chegaba a regra, de aí a súa carapucha de cor vermella.
Era moi pequena aínda para contarlle que si, que existían homes que eran como o lobo do conto, que se disfrazaban do que non eran gañándose así a confianza das nenas, das nais, das avoas… para logo devorar nun instante todas as ganas, todas as ilusións, todos os soños deixándoas sumidas nun pozo profundo.
Era demasiado pequena para contarlle que había lobos humanos que esnaquizaban á nai da súa camada e que mesmo chegaban a quitarlle a vida.
Era moi pequena aínda para contarlle que, ao contrario do conto, moitas veces non había un cazador que as rescatase, que moitos lobos humanos seguían en liberdade, impunes. Que eran capaces non só de tragalas con roupa, que as mastigaban a conciencia, non por saciar a súa fame de alimentos, senón para alimentar a súa ansia de superioridade que nunca lograban paliar.
Chorei por todas as carapuchiñas, por todas as nais, as avoas, por toda a liñaxe de mulleres que sufriron en mans dos Lobos humanos, amparados durante séculos por este sensentido absurdo chamado patriarcado que se encargou de mutilar a tal punto os nosos instintos que nos volvemos cegas, sen olfacto, incapaces de distinguir ao noso depredador.
Non era un conto parvo, era un conto inexacto, incompleto.
Sequeime as bágoas disposta a reescribir unha nova versión do conto e comecei a tecer para ela, para que nunca a quitase, como a Carapuchiña do conto, unha carapucha de cor Violeta.
No seguinte vídeo, a canción de Ismael Serrano tamén desmonta o conto da Carapuchiña e as imaxes engaden valor ao texto do autor.
E por se queredes explorar máis sore o conto, aí queda este valioso enlace
https://lamardelibros.wordpress.com/tag/caperucita-roja/
Compartimos tamén este fermoso documento que nos brinda a rede
Lembrade ben o que afirma Bebe na súa canción el miedo se puede romper con un solo portazo
En Burgos, Acción en Rede o Instituto Diego Marín Aguilera, realizaron este Lipdub co obxectivo de reflexionar sobre que tipo de amor e que tipo de relacións son desexables, desmontando os mitos que se foron conformando sobre o ideal de amor romántico e da parella. Escolleron unha canción de Nacho Cano para Olé Olé que non deixa marxe de dúbida:
E aínda tamén atopamos este orixinal e magnífico vídeo cun Reggaetón do IES Maestro Juan de Ávila, en Ciudad Real.
No seguinte documento podemos revisar os micromachismos e violencias de maior grao que a miúdo se producen no contexto das relacións de parella intoxicadas pola falacia do amor romántico: