Archivo del sitio

Antón co club de lectura TIRA DA PÁXINA»

Tal e como estaba previsto, celebrouse o acto de presentación do poemario de Antón Blanco, A oseira, en Bibliomalveiras.

La Voz de Galicia fíxose eco do acto na edición de Arousa cunha nota redactada de modo moi afortunado e certo.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2017/04/26/span-langglprimeiro-poemario-anton-blancospan/0003_201704A26C119916.htm

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2017/04/27/anton-blanco-regresa-carril/0003_201704A27C11996.htm

 

E o Faro de Vigo tamén deu conta do acto

IMG_1660 (2)_LI

Os membros do club de lectura estiveron á altura de tan especial ocasión e formuláronlle a Antón moitas e moi intelixentes cuestións que el foi atendendo con detalle e moita xenerosidade.

Cada membro do club leu cadanseu poema escollido de A oseira, e Antón obsequióunos coa lectura de material poético inédito. Ademais, avanzounos que moi pronto aparecerá parte da súa produción publicada por Galaxia.

Á verdade é que quen tivemos a sorte de asistir (profes e alumnado interesado de 4º e de 1º Bacharelato) aprendemos non só do poeta, senón tamén das reflexións d@s alumn@s do club de lectura TIRA DA PÁXINA.

Esta sesión resultou unha dobre delicia: unha, polo valor intrínseco do tratamento do feito poético, e outra, pola condición dos participantes.

En canto sexa posible, colgaremos o vídeo e transcribiremos a conversa con Antón.

Para o profesorado do instituto de antes e de agora, ocasións coma esta reconfortan moitísimo.

Así que estamos tod@s de noraboa, moi especialmente Parabéns para Tareixa! que coordina con tan boa man o club de lectura, por contarmos con xente nova de probada valía no noso centro.

Graciñas e parabéns, Antón, pola túa colaboración tan cálida e por compartir con nós o teu éxito.

E graciñas e parabéns a Lara, Antía, Nerea, Cristina e Ismael polo seu excelente traballo!

Velaí o vídeo deste acto tan especial

 

ANTÓN BLANCO presenta «A oseira»

Este mércores, 26 de abril de 2016, na 4ª sesión terá lugar a presentación en Bibliomalveiras do primeiro poemario do antigo alumno do instituto Antón Blanco, titulado A oseira . Este acto inscríbese no contexto do MES DAS LETRAS, que desde hai anos no noso instituto se inicia co 23 de abril (día do libro) e abrangue ata o 17 de maio, día das Letras Galegas.

Antón_Blanco_Casás_na_presentación_de_A_oseira_en_Ourense_7-7-2016

A actividade está organizada polo equipo de profes da biblioteca e polos membros do club de lectura TIRA DA PÁXINA en quen recaerá  a maior parte da conducción do acto, coordinados pola súa profesora Tareixa Escariz.

Como asistentes a esta presentación tan especial para o centro, apuntáronse voluntariamente case medio cento de persoas de 4º ESO e 1º de Bacharelato moi interesadas en compartir un rato inesquecible con Antón, para coñecelo mellor e gozar dos seus poemas.

A oseira

O libro xa foi presentado na libraría Espazo Lector Nobel de Vilagarcía (27 de xuño de 2016), na libraría Chan da pólvora, en Compostela (1 de xullo de 2016), en Ourense (7 de xullo de 2016) e en Vigo (28 de setembro de 2016).

Para Bibliomalveiras e para o instituto, como non pode ser doutro xeito, supón unha enorme satisfacción e un orgullo contar cun dos novos potas galegos tan louvado pola crítica, e que por riba foi alumno non hai tanto neste centro.

Antón Blanco Casás resultou distinguido co PREMIO MINERVA DE POESÍA no 2014,  e con tal motivo daquela adicóuselle un acto no que estivo acompañado polos membros do Taller de poesía do instituto, dirixido por Augusto Guedes, ao que el tamén pertencía.

FullSizeRender (5)

Antón constitúe todo un referente de prestixio como persoa, como estudante e como poeta.

ENTRAÑABLE ACTO DE PRESENTACIÓN

Tal e como estaba programado e cumprindo con puntualidade no inicio e no remate do acto, desenvolveuse a cerimonia de presentación do noso libro O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL o pasado martes 25 de outubro, de 16.30 h.

Acudiron a esta cita en Bibliomalveiras unha chea de persoas que representaban a todos os estamentos da comunidade escolar e mesmo dous medios de prensa.

La Voz de Galicia

Ademais para esta ocasión tan especial, Bibliomalveiras encargou a reportaxe gráfica a Maribel Nogueira, do grupo de 2º de Bac. de Artes, e a Matilde que preparara unha presentación de diapositivas que serviu como perfecto fío condutor da sesión.

Á verdade, en certo modo tod@s @s asistentes se sentián concernidos en diferente grao co obxecto da presentación, porque de iso se trataba, por suposto. Tal circunstancia propiciou unha calor emocional transformada en sinerxia da boa, que á súa vez xerou un ambiente moi entrañable.

Se cadra, a única mágoa foi que, como ao carecermos de salón de actos a biblioteca abrangue tamén esa función -ademais das súas propias-, o aforo resultou moi limitado. Aínda que ben pensado, a estrutura e contido do acto non serviría para un auditorio moito maior.

O horario lectivo tamén condicionou a organización do acto, pero compría garantir que todas as persoas que contribuiron a producir o libro, moi especialmente todo o alumnado de 2º ESO, poideran estar presentes esquivando problemas de transporte escolar, actividades extraescolares… E do mesmo xeito resultou máis fácil así que un maior número de docentes do claustro -ou de quen formou parte do claustro- poidera acompañarnos.

Unha vez que todo o alumnado de 2º ESO tomou asento, a apertura do acto correu a cargo da directora do centro, Rosa; e de seguido, Manuela, a responsable da biblioteca iniciou o desenvolvemento da presentación dos diferentes aspectos da obra. A continuación, o profesor Artiaga fixo unha explicación arredor da composición realizada para a portada e da fotinia fotografiada. Manolo R. Mayo pola súa banda, leu o  limiar que el mesmo redactara para o libro, e despois Manuel Chouza compuxo un breve relato da historia da plantación das especies no recinto do centro. Paquita  explicou a motivación para seleccionar ao alumnado de 1º ESO para realizar a actividade, o proceso e mailo procedemento do traballo seguido.

Das problemáticas e resolución da maquetación da obra ocupouse Matilde, e Xela falou da relación das especies do centro que foron obxecto do traballo realizado e perspectiva no tempo.

Pero o máis bonito e conmovedor aínda estaba por chegar e consistiu en poder escoitar a un pequeno grupo en representación de todo o alumnado de 2º ESO lendo en quendas harmoniosas a Pregaria da árbore.

E o remate final foi a bomba. Todo o alumnado de 2º ESO, acompañado por cada unha das persoas presentes na biblioteca, lemos á vez o soneto de Cabanillas adicado ao carballo (incluído na súa obra Da terra asoballada) que se lles fora entregado segundo entraban na biblio.

E vaia se lemos. Sí que lemos.

Lemos ben. Lemos xunt@s.

Lemos acompasadamente, con sentido e sentidiño, e con sentimento.

Lemos e sentimos.

E para quen queira facerse coa versión electrónica do libro, o enlace para descargalo está permanentemente dispoñible neste blog. Para ler/descargar o libro fai clic na portada.

portada_libro_espazo

O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL

O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL é o título dunha completa guía das 33 especies arbóreas e as 18 especies arbustivas que viven (ou viviron) dentro do recinto escolar do noso instituto desde os seus inicios en 1986. Ademáis recolle moi sucintamente a historia deste conxunto botánico e contén un plano coa localización de cada elemento ou grupo descritos.

fullsizerender39

Este libro editado polo propio IES do Carril «Miguel Ángel González Estévez» foi realizado no pasado curso 2015-16 polo departamento de Ciencias, Bioloxía e Xeoloxía e mailo seu alumnado de 1º da ESO (actualmente cursando 2º agás excepcións), co apoio das profesoras do equipo da biblioteca, en especial de Matilde Fernández Calvo que se ocupou da maquetación. Os rapaces e rapazas guiados polas súas profesoras Paquita Barreira e Xela Cid foron recollendo nunhas fichas, ás veces empregando os ordenadores e ás veces anotando a man o que vían ao carón das árbores e arbustos, os datos e imaxes precisas. O traballo arduo, longo e complexo da revisión, selección de material, edición, corrección lingüística e inscrición no depósito legal foi labor colectivo. Tamén colaboraron moi destacablemente nesta ambiciosa empresa os profesores deste centro Xosé Artiaga (autor da excelente portada coa que se presenta este libro) e Manuel Rodríguez Mayo (quen se encargou das fotografías e redactou un conmovedor limiar no seu derradeirio ano como director e profesor do instituto).

A maiores dunha pormenorizada información de cadansúa especie (que abrangue os nomes correspondentes en galego, castelán, inglés e francés,  o nome científico, a etimoloxía da denominación, a toponimia xerada, a orixe e maila historia, e a descrición) ilustrada con fotografías fermosas e moi pertinentes, inclúese un pequeno estudio dos exemplares máis representativos en Galicia e máis a historia particular da nosa árbore.

A produción deste libro inscribíuse dentro das actividades da biblioteca (que forma parte do PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES da Consellería de Educación) programadas para o curso pasado compartindo o lema xeral para todas as bibliotecas escolares de Galicia: BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS.

Esta obra non comercial da que existen 16 exemplares na biblioteca (e xa foi parcialmente estreada nalgunha actividade na semana de acollida ao alumnado de 1º ESO neste pasado mes de setembro) é a proba irrefutable de que o esforzo colectivo perseguindo con empeño un obxectivo común sólido, concreto e ambicioso nunca fracasa se sobra ilusión e convencemento. Semellaba por momentos unha tarefa interminable, ata houbo que resignarse coa climatoloxía adversa, o ciclo estacional e causas alleas á nosa vontade, pero deuse rematado en prazo, con ben e acerto.

Aproveitando a efeméride do DÍA DA BIBLIOTECA que se celebra o 24 de outubro, nós ímonos poñer de festa para a ceremonia de presentación de O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL que terá lugar en Bibliomalveiras (como non!) o martes 25 de outubro ás 16.30 h. A partir dese acto a versión electrónica da obra poderá ser consultada a través deste blog e da páxina web do instituto.

Estades convidad@s.

Ver álbum de fotos do acto de presentación

libro34

A noticia do acto en LA VOZ DE GALICIA