Archivo del sitio

Fabulosa actividade a de Emilio Varela!

Tal e como estaba previsto, realizouse a charla divulgativa de Emilio Varela hoxe na biblioteca.

Trala benvida da directora, as profesoras do departamento enmarcaron esta actividade dentro dos actos previstos para este curso destacando que este é o ano do centenario de Marie Curie, pero que sobre todo é o ano no que se xubila o seu compañeiro Chouza.

Emilio Varela non só falou das ciencias, senón que na súa charla harmonizou de modo maxistral aspectos vencellados coa economía, a historia, as artes, a xeografía, o turismo, a fotografía, a televisión e os medios de comunicación…

Ademais, a través do estupendo apoio audiovisual da súa presentación, convidou durante case catro horas ao alumnado asistente a unha lectura multifuncional de textos, mapas, infografías e gráficos, imaxes de prensa, vídeos e fotografías.

É un pracer contar con xente coma el para aprender, porque onda a divulgación dos seus vastos coñecementos transmite entusiasmo, curiosidade e sentido crítico.

Un dos moitísimos documentos que comparteu c@s asistentes foi este magnífico vídeo no que se reflicten as distintas fases da evolución da illa grega de Santorini:

 

Na rúa con MARIE CURIE

m-curierua-m-curie

Aínda que moitas persoas non se dean conta, a rúa na que está situado o noso instituto leva o nome de Marie Curie. E en Bibliomalveiras, mesmo por iso, conxuntamente cos departamentos de ciencias e francés andamos a artellar unha serie de actividades para honrar a esta marabillosa e potente mente feminina da que se cumprirán 150 anos do seu nacemento no ano 2017.

Imprimir

Maria Salomea Skłodowska-Curie (quen ao casar en Francia con Pierre adoptou o seu apelido) foi a primeira persoa que mereceu dous premios Nobel. Obtivo o Premio Nobel de Física en 1903 e o Premio Nobel de Química en 1935.

Ninguén antes acadara tal, nin home nin muller.

Ela, que nacera en Polonia, descubreu o radio e o polonio.

Especialmente as científicas do CNIO, que é o Centro Nacional de Investigaciones Oncolóxicas (en Madrid) quixeron honrar a esta MULLER científica para facernos comprender que sin a súa dedicación (que lle costou a saúde propia) sería impensable empezar a loitar contra o cancro.

https://www.cnio.es/es/women-science/marie-curie/index.asp

 

O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL

O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL é o título dunha completa guía das 33 especies arbóreas e as 18 especies arbustivas que viven (ou viviron) dentro do recinto escolar do noso instituto desde os seus inicios en 1986. Ademáis recolle moi sucintamente a historia deste conxunto botánico e contén un plano coa localización de cada elemento ou grupo descritos.

fullsizerender39

Este libro editado polo propio IES do Carril «Miguel Ángel González Estévez» foi realizado no pasado curso 2015-16 polo departamento de Ciencias, Bioloxía e Xeoloxía e mailo seu alumnado de 1º da ESO (actualmente cursando 2º agás excepcións), co apoio das profesoras do equipo da biblioteca, en especial de Matilde Fernández Calvo que se ocupou da maquetación. Os rapaces e rapazas guiados polas súas profesoras Paquita Barreira e Xela Cid foron recollendo nunhas fichas, ás veces empregando os ordenadores e ás veces anotando a man o que vían ao carón das árbores e arbustos, os datos e imaxes precisas. O traballo arduo, longo e complexo da revisión, selección de material, edición, corrección lingüística e inscrición no depósito legal foi labor colectivo. Tamén colaboraron moi destacablemente nesta ambiciosa empresa os profesores deste centro Xosé Artiaga (autor da excelente portada coa que se presenta este libro) e Manuel Rodríguez Mayo (quen se encargou das fotografías e redactou un conmovedor limiar no seu derradeirio ano como director e profesor do instituto).

A maiores dunha pormenorizada información de cadansúa especie (que abrangue os nomes correspondentes en galego, castelán, inglés e francés,  o nome científico, a etimoloxía da denominación, a toponimia xerada, a orixe e maila historia, e a descrición) ilustrada con fotografías fermosas e moi pertinentes, inclúese un pequeno estudio dos exemplares máis representativos en Galicia e máis a historia particular da nosa árbore.

A produción deste libro inscribíuse dentro das actividades da biblioteca (que forma parte do PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES da Consellería de Educación) programadas para o curso pasado compartindo o lema xeral para todas as bibliotecas escolares de Galicia: BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS.

Esta obra non comercial da que existen 16 exemplares na biblioteca (e xa foi parcialmente estreada nalgunha actividade na semana de acollida ao alumnado de 1º ESO neste pasado mes de setembro) é a proba irrefutable de que o esforzo colectivo perseguindo con empeño un obxectivo común sólido, concreto e ambicioso nunca fracasa se sobra ilusión e convencemento. Semellaba por momentos unha tarefa interminable, ata houbo que resignarse coa climatoloxía adversa, o ciclo estacional e causas alleas á nosa vontade, pero deuse rematado en prazo, con ben e acerto.

Aproveitando a efeméride do DÍA DA BIBLIOTECA que se celebra o 24 de outubro, nós ímonos poñer de festa para a ceremonia de presentación de O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL que terá lugar en Bibliomalveiras (como non!) o martes 25 de outubro ás 16.30 h. A partir dese acto a versión electrónica da obra poderá ser consultada a través deste blog e da páxina web do instituto.

Estades convidad@s.

Ver álbum de fotos do acto de presentación

libro34

A noticia do acto en LA VOZ DE GALICIA

Ler ciencia

Literatura, cine e ciencia-ficción

Aínda que no calendario oficial do libro e da lectura o tempo da ciencia propiamente é o do outono, nós no instituto imos celebrar unha semana da ciencia por primeira vez na segunda quincena de febreiro.

E para abrir boca ofrecendo recursos que chamen á Sra. Inspiración, velaí que xa foron instalados un expositor cheíño de estupendas posibilidades e mais un mural no corredor de acceso a Bibliomalveiras, do lado da cafetería.

IMG_0982

MONÓLOGOS DIVULGATIVOS EN ABRIL

MONÓLOGOS DIVULGATIVOS DE CARÁCTER
CIENTÍFICO E TÉCNICO EN BIBLIOMALVEIRAS

Ao longo da segunda semana de abril, o alumnado de 2º de BACHARELATO desenvolverá un certame de monólogos durante cada un dos dous recreos diarios (agás o segundo do martes, reservado para o TALLER DE POESÍA).

anuncio monólogos
As súas charlas centraranse arredor dunha ampla gama de temas científicos e técnicos.
O seu obxectivo radica en dar a coñecer contidos moi serios dun xeito moi breve e moi ameno.
Todas as persoas que o desexan están convidadas, independentemente do nivel no que estean matriculadas.
Mesmo se convida ¡incluso! ao persoal docente e non docente que queira asistir.

O luns, día 7, comezan

Beatriz Lorenzo, do Bacharelato de Artes, ás 10.40 h. falará do paradoxo de Monty Hall

Candela e Raquel Vidal, do Bacharelato de Ciencias, ás 12.35h. tratarán respectivamente das mulleres científicas e da atracción sexual nos seres humanos.

O martes, día 8, fala

Jonathan Castaño, do Bacharelato de Ciencias, ás 10.40 h. e tratará sobre a Simbiose.

O mércores, día 9, falan

Isabel Piñeiro, do Bacharelato de Ciencias, ás 10.40 h. abordará a cuestión ¿Como se financia unha sociedade?

Carla López, do Bacharelato de Ciencias e Patricia Martiñán do Bacharelato de Artes, ás 12.35h. tratarán respectivamente da cirurxía estética e da evolución do canon de beleza.

la foto 2(4) la foto 3(3)

 

LER CIENCIA: LISTADO DE RECURSOS INTERESANTES EN BIBLIOMALVEIRAS

A promoción de recursos de Bibliomalveiras dentro e fóra da biblioteca vai cambiando neste mes de xaneiro cara ao tema transversal da Paz, a resolución de conflitos e a non violencia, con motivo precisamente do DIA DA PAZ.

Daquela, estanse  sustituíndo murais e cartelería no exterior que promocionaban libros e películas de cine relacionados coa ciencia, do mesmo xeito que xa se colocaron nos expositores da sala algúns recursos relacionados coa materia transversal da PAZ.

Pero en Bibliomalveiras non se aparca a proposta LER CIENCIA, senón que ao longo de todo o curso continuaranse a ofertar os recursos máis interesantes vencellados aos ámbitos científicos.

Velaí un listado interesante que, na medida do posible, procurarase facer medrar coas suxerencias oportunas:

la foto(2)la foto(1)

la foto ciencia        la foto ciencia 2

Ano da ciencia en galego nas bibliotecas


Durante o curso 2013-14 a ciencia en galego vai ser o tema central nas bibliotecas escolares de toda Galicia. Se  te achegas á biblioteca verás un expositor con  libros e películas relacionados coa ciencia. Bótalle unha ollada! Na imaxe da esquerda tes algúns dos exemplares. Descarga: folleto ciencias

Ademais, próximamente terás ao teu dispor un catálogo de recursos sobre ciencias. Nel quedarán recollidas tanto  obras de ficción como libros de consulta para os/as interesados/as nesta área do coñecemento. Non perdas a ocasión de curiosear e ver que podemos ofrecerche.

Monólogos científicos

FameLab é un concurso internacional de monólogos científicos que naceu en 2005 grazas a unha idea orixinal do Festival de Chetteham. O seu principal obxectivo é fomentar a divulgación da ciencia identificando, formando e dando a coñecer novos talentos, novos portavoces entre os que traballan en ciencias a través dun formato innovador, o monólogo científico.

A modo de exemplo este vídeo protagonizado por Oriol Miramón que fala no seu monólogo dun novo paradigma na loita contra as bacterias.

Dende 2007, grazas á asociación British Council, FameLab fíxose global, celebrándose hoxe en día competicións en máis de 20 países de Europa, Ásia e África e tamén en Estados Unidos. A nivel mundial son xa máis de 5.000 científicos os que participaron nalgunha das súas edicións.

Na edición internacional deste concurso do ano 2012, o gañador foi un científico español que fixo a súa intervención en inglés.

En maio de 2013 celebróuse no teatro Alfil de Madrid a primeira final española do certame de monólogos científicos de humor FameLab. Este vídeo inclúe todos os monólogos.

O prazo para participar na segunda edición española está aberto ata o 16 de xaneiro de 2014.