Archivo del sitio

COÑECER ÁRBOLES. LER RÓTULOS

Finalmente, este venres 11 de maio, no 2º recreo, celebraremos a actividade que fora aprazada polos moitos días seguidos de chuvia que a nosa xenerosa climatoloxía nos regalara, alá polos meses de marzo e abril.

Venres,

 11 de maio,

2º recreo

 

No espazo situado tralas ventás dos despachos de dirección e continuando coa rotulación dos nomes das especies arbóreas incluídas no noso libro

O espazo verde do IES Carril

procederase a:

  • Presentación da instalación de nove placas serigrafiadas por Andrea Fresco, de 2º de Bach. A, e preparadas polo profesor José Manuel Longo.
  • Recepción dunha nova árbore, un arce, donada ao espazo verde do IES Carril pola profesora Tareixa Escariz.

Este acto acompañarase de

  • A execución dunha peza musical interpretada por Elena Rodríguez, de 1º de Bach. C
  • A lectura dun texto literario “ad hoc”.

Actividade organizada por:

  • Bibliomalveiras
  • Departamento de Bioloxía.
  • Departamento de Lingua Galega.
  • Departamento de Tecnoloxía.

Estades tod@s convidad@s

 

 

Anuncios

Un arce novo para o espazo verde do instituto

IMG_3957

Estaba programado para este venres 9 de marzo un acto para a recepción da última árbore do espazo verde do instituto, un arce regalado ao centro pola porofesora Tareixa Escariz, e máis a instalación de dez rótulos identificadores doutras tantas especies arbóreas, pero debido ao mal tempo houbo que pospoñelo.

Pouco a pouco, gracias ao traballo de Andrea Fresco (de 2º de Bacharelato de Ciencias) e máis ao do profesor de Tecnoloxía José Manuel Longo, vai medrando o número de rótulos que completan a información contida no noso libro O espazo verde do IES Carril. Así, tamén podemos ler as árbores e identificalas. Polo menos aprenderemos con pouco esforzo os seus nomes.

Con todo, Tareixa, Miguel Barros e Xela decidiron plantar o arce para que vaia enraizando antes de que chegue a primavera.

O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL

O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL é o título dunha completa guía das 33 especies arbóreas e as 18 especies arbustivas que viven (ou viviron) dentro do recinto escolar do noso instituto desde os seus inicios en 1986. Ademáis recolle moi sucintamente a historia deste conxunto botánico e contén un plano coa localización de cada elemento ou grupo descritos.

fullsizerender39

Este libro editado polo propio IES do Carril “Miguel Ángel González Estévez” foi realizado no pasado curso 2015-16 polo departamento de Ciencias, Bioloxía e Xeoloxía e mailo seu alumnado de 1º da ESO (actualmente cursando 2º agás excepcións), co apoio das profesoras do equipo da biblioteca, en especial de Matilde Fernández Calvo que se ocupou da maquetación. Os rapaces e rapazas guiados polas súas profesoras Paquita Barreira e Xela Cid foron recollendo nunhas fichas, ás veces empregando os ordenadores e ás veces anotando a man o que vían ao carón das árbores e arbustos, os datos e imaxes precisas. O traballo arduo, longo e complexo da revisión, selección de material, edición, corrección lingüística e inscrición no depósito legal foi labor colectivo. Tamén colaboraron moi destacablemente nesta ambiciosa empresa os profesores deste centro Xosé Artiaga (autor da excelente portada coa que se presenta este libro) e Manuel Rodríguez Mayo (quen se encargou das fotografías e redactou un conmovedor limiar no seu derradeirio ano como director e profesor do instituto).

A maiores dunha pormenorizada información de cadansúa especie (que abrangue os nomes correspondentes en galego, castelán, inglés e francés,  o nome científico, a etimoloxía da denominación, a toponimia xerada, a orixe e maila historia, e a descrición) ilustrada con fotografías fermosas e moi pertinentes, inclúese un pequeno estudio dos exemplares máis representativos en Galicia e máis a historia particular da nosa árbore.

A produción deste libro inscribíuse dentro das actividades da biblioteca (que forma parte do PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES da Consellería de Educación) programadas para o curso pasado compartindo o lema xeral para todas as bibliotecas escolares de Galicia: BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS.

Esta obra non comercial da que existen 16 exemplares na biblioteca (e xa foi parcialmente estreada nalgunha actividade na semana de acollida ao alumnado de 1º ESO neste pasado mes de setembro) é a proba irrefutable de que o esforzo colectivo perseguindo con empeño un obxectivo común sólido, concreto e ambicioso nunca fracasa se sobra ilusión e convencemento. Semellaba por momentos unha tarefa interminable, ata houbo que resignarse coa climatoloxía adversa, o ciclo estacional e causas alleas á nosa vontade, pero deuse rematado en prazo, con ben e acerto.

Aproveitando a efeméride do DÍA DA BIBLIOTECA que se celebra o 24 de outubro, nós ímonos poñer de festa para a ceremonia de presentación de O ESPAZO VERDE DO IES CARRIL que terá lugar en Bibliomalveiras (como non!) o martes 25 de outubro ás 16.30 h. A partir dese acto a versión electrónica da obra poderá ser consultada a través deste blog e da páxina web do instituto.

Estades convidad@s.

Ver álbum de fotos do acto de presentación

libro34

A noticia do acto en LA VOZ DE GALICIA